Friday 26 de April de 2024

O obradoiro dual de emprego “Camiño ao emprego” remata o curso cunha visita no Orbellido


● Este enclave vimiancés acollerá unha ruta guiada que dará a coñecer a súa historia.

O alumnado do Obradoiro de emprego “Camiño ao emprego” na especialidade de Promoción turística local e información ao visitante, oferta unha visita guiada polo enclave do Orbellido (Baíñas) o próximo venres 17 de setembro ás 10:30. O lugar de inicio da visita será o Centro de Interpretación Encoro da Fervenza situado na mesma aldea.

Orbellido, a historia somerxida, como se denomina a visita, trata de dar a coñecer un pouco máis da historia do lugar, rememorar e poñer en valor as máis antigas tradicións e apreciar a fermosa arquitectura que caracteriza á zona.

Estará tamén dispoñible unha actividade de xeolocalización coa que se pretenderá manter unha continuidade e poñer en valor este espazo.

As prazas para participar na actividade serán limitadas e os interesados poderán inscribirse a través do formulario que terán dispoñible no enderezo web do Concello de Vimianzo.

Con esta ruta o alumnado deste Obradoiro pon o punto e final a un curso cheo de iniciativas e aprendizaxes.